Wednesday 01 de May de 2024

O Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo desenvolveu en 2019 un total de 48 proxectos e convenios de colaboración a nivel nacional e internacional e ata 235 accións divulgativas


Destacan iniciativas europeas para incluír as novas tecnoloxías nos sistemas produtivos ou para acadar unha produción de leite máis eficiente, así como proxectos de investigación para o desenvolvemento rural e para mellorar o manexo do gando, os pastos ou a xestión dos xurros

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) desenvolveu en 2019 un total de 48 proxectos e convenios de colaboración a nivel nacional e internacional e ata 235 accións de divulgación, entre as que destacan máis de 40 publicacións científicas ou divulgativas. Dependente da Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o CIAM eríxese así como un dos referentes da investigación agraria en Galicia e como un dos activos máis importantes da Consellería no tocante á I+D+i e á transferencia de coñecementos ao sector primario.
Entre os 48 proxectos desenvolvidos, resaltan dous de ámbito europeo que teñen que ver, en concreto, coa incorporación das novas tecnoloxías aos sistemas produtivos do sector agroalimentario (SmartAgriHubs) e coa produción de leite eficiente e resiliente (Dairy-4- Future). A nivel nacional, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo formou parte de dous grupos operativos, un relacionado cos sistemas de información xeográfica para mellorar o manexo da gandaría extensiva (SIEGA) e outro sobre a produción do lúpulo (Spanish Quality Hops). Así mesmo, participou en catro proxectos relativos á autenticación da orixe alimentaria do leite de vacún, ao fomento do pastoreo en zonas de montaña, á xestión dos xurros e a eficiencia do uso de nutrientes para a mitigación de emisións de gases de efecto invernadoiro e o secuestro do carbono no solo ou ao control de
enfermidades da cabana gandeira.
Canto ás 235 accións de divulgación, a maiores das máis de 40 publicacións científicas e divulgativas que se levaron a cabo o ano pasado, destacan outras actividades de transferencia de coñecemento consistentes en asesoramento científico, campos de demostración e ensaio, charlas, seminarios e conferencias, publicacións en medios de comunicación, xornadas e visitas técnicas ou reunións científicas.
Desenvolvemento rural
Cómpre destacar que o CIAM levou a cabo o ano pasado 29 actividades de investigación vinculadas coas convocatorias autonómicas do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia relacionadas con grupos operativos, proxectos piloto, novos produtos ou accións de cooperación e convenios de colaboración asinados con cooperativas, asociacións, consellos reguladores, pemes ou laboratorios interprofesionais.
Ao abeiro destas iniciativas, incidiuse na mellora da produción do leite e derivados ou da de carne de cabalo e das IXP Vaca e Boi de Galicia e Ternera Gallega. Tamén se trataron os recursos fitoxenéticos para mellorar as variedades autóctonas ou para producir cereais de inverno en ecolóxico suceptibles de utilización na IXP Pan Galego. Ademais, traballouse na produción do mel, no fomento de producións hortícolas co emprego de enerxías limpas ou na utilización e revalorización de subprodutos de biomasa forestal. A maiores, o CIAM participou en proxectos CONECTAPEME e en colaboracións directas con empresas do sector.
Por último, pola súa función de coordinación e dirección do Banco de Recursos Fitoxenéticos Agrarios de Galicia, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo tamén desenvolveu ata 11 accións relacionadas con castes de froiteiras, poboacións autóctonas pratenses, rexeneración e conservación de liñas de millo, multiplicación de variedades de trigo e ecotipos de centeo ou actividades de selección, mellora, rexistro, conservación e transferencia de castes tradicionais galegas de horta. Así mesmo, leváronse a cabo todas as actividades asociadas á conservación, mantemento e mellora xenética do Banco de Xermoplasma, que conta con máis de 3.700 entradas de variedades de especies pratenses,
hortícolas, froiteiras, cereais de inverno ou millo. Ao abeiro da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) desenvolve as funcións de investigación, innovación e transferencia en todas as materias agrarias, incluídas a agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e os aproveitamentos do medio natural dende os puntos de vista da produción, a conservación, a mellora xenética, a sanidade e o benestar, de xeito compatible co medio e a biodiversidade agraria. Así mesmo, exerce a coordinación e a dirección do Banco de Recursos Fitoxenéticos Agrarios de Galicia e das Estacións Experimentais de Salceda de Caselas, O Marco da Curra e A Pobra do Brollón.